
As Bibliotecas Municipais únense á celebración do Día das Letras Galegas con moitas e diversas actividades arredor de Valentín Paz-Andrade.O polifacético escritor Valentín Paz Andrade é o homenaxeado este ano na conmemoración das letras galegas. Arredor desta celebración as Bibliotecas Municipais da Coruña están a desenvolver diversas actividades:
LEO PARA TI
O día 16 de maio a partir das 19.00 h realizarase en todas as bibliotecas municipais un acto de lectura colectiva no que poderás participar inscribíndote dende agora en calquera das bibliotecas municipais.
– Publicación dunha guía de lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais
– Presentación do libro «O enigma dos nove sepulcros» na Btca. Municipal Ágora de María Acosta. (Martes 15 de maio ás 20.00 h)
– Mitos e monstros de Galicia: encontro con Antonio Reigosa na Btca. Municipal Sagrada Familia (16 maio, 19.30 h)
Enmarcado nos actos conmemorativos arredor do Día das Letras Galegas e para clausurar a temporada do Club dos 7 Medos, a Biblioteca Sagrada Familia quere mostrarlle ao público a Galicia máis popular e misteriosa. Da man de Antonio Reigosa, estudoso e divulgador dos mitos e costumes da nosa terra, ofrécenos unha grande oportunidade para coñecer a extensa riqueza do imaxinario popular galego.
– Recital na Btca. Municipal Infantil e Xuvenil (16 de maio, 20.00 h)
Recital de poesía a cargo de María López Pousa e Moises Fernández Álvarez: Jovenessintalento II. que recitarán textos da súa propia colleita ademais doutros autores como Lois Pereiro ou do homenaxeado Paz Andrade. O recital estará acompañado en todo momento con música composta por estes jóvenessintalento e comprobarás que o seu nome artístico non fai xustiza á realidade.
– Mostra bibliográfica na Btca. Municipal Sagrada Familia
A Biblioteca Municipal Sagrada Familia dedícalle unha mostra á obra e a traxectoria vital desta personalidade. Ademais de poeta, con obras aínda inéditas como Canto do pobo disperso (1955), foi un prolífico ensaísta económico, pesqueiro e literario. Destacan as súas biografías sobre dous dos seus personaxes favoritos como foron Castelao, ou Joãou Guimarâes Ros. Intensa e relevante tamén foi a súa actividade en defensa e promoción da cultura galega. Ao mesmo tempo, a biblioteca presenta unha nutrida selección de escritores e escritoras do panorama actual da literatura en galego, na que destacan autores como Fran Alonso, Chus Pato, Ramiro Fonte etc. Dende o día 11 de maio ata o día 31 todos os usuarios e usuarias da biblioteca teñen unha cita coa literatura en galego.
– Mostra bibliográfica na Btca. Municipal Fórum Metropolitano
Mostraremos todas as súas facetas: o poeta, o político, empresario; o seu paso polo cárcere, a súa relación coas Irmandades da Fala, os seus amigos (Castelao, Fernández del Riego, Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e un longo etc). Todo iso a través dos seus escritos e das súas cartas.
– Mostra bibliográfica na Btca. Municipal Ágora
– Mostra bibliográfica na Btca. Municipal Rosales
Este ano na Biblioteca Municipal Os Rosales recordamos escritores que foron homenaxeados o día 17 de maio, Día das Letras Galegas. Achégate a descubrir as súas obras e goza ademais dunha mostra de libros recentemente chegados á biblioteca de autores galegos. Ademais, por suposto, coñeceremos un pouco máis o homenaxeado deste ano, Valentín Paz Andrade. Se decides pasarte non esquezas deixarnos a túa palabra favorita en galego. Xuntos faremos unha gran nube de palabras recompilando algunhas das palabras máis fermosas que ten a nosa lingua.
Etiquetas: Día das Letras Galegas, escritores galegos
Has dicho: